Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Lousame pon en marcha un programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero


Todo o alumnado do CPI Cernadas de Castro participará en “Lousame Coeduca”, que terá lugar durante os meses de outubro e novembro

A Concellería de Igualdade de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, vén de poñer en marcha “Lousame Coeduca”, un programa para a sensibilización en igualdade e prevención da violencia de xénero dirixido ao todo o alumnado do centro lousamiá e que se desenvolverá durante os meses de outubro e novembro.
“Lousame Coeduca” nace co obxectivo de colaborar a erradicar os estereotipos de xénero, promover a corresponsabilidade e a ética do coidado, coñecer as propias emocións e traballar a autoestima, educar en igualdade e previr a violencia de xénero entre o alumnado, así como favorecer estratexias de resolución de conflitos e de cooperación entre o alumnado e mellorar a capacidade comunicativa e interpretativa do alumnado. Para conseguilo, organizaranse actividades que promovan a creatividade, o aprendizaxe cooperativo, a capacidade comunicativa, a actitude crítica e a educación para a paz libre de estereotipos, mediante o emprego das metodoloxías educativas máis innovadoras como o teatro, as TIC´S e o aprendizaxe cooperativo.
Actividades
A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que “durante as vacacións de verán, os nenos e nenas que asistiron ao Lousame Concilia tamén tiveron ocasión de participar nestes obradoiros. Agora, durante o curso escolar, co alumnado de Infantil e Primaria levaranse a  cabo actividades coeducativas para traballar os estereotipos de xénero, a corresponsabilidade, a visualización das mulleres da súa contorna e a coeducación emocional para aprender a xestionar as emocións e a resolver os seus primeiros conflitos mediante o bo trato entre iguais”.
“Co alumnado de 6º de Primaria e cos de tódolos cursos da ESO realizarase unha proposta lúdica coeducativa onde se traballará a través do cine, do teatro, do baile e da radio a erradicación dos estereotipos e da violencia de xénero e se promove unha resolución de conflitos pacífica”, apunta Silvia Agrafojo, quen destaca que “o programa está tendo unha boa acollida tanto por parte do alumnado como do profesorado do centro”. Todas as actividades do programa se desenvolven seguindo as medidas de prevención da Covid19 establecidas nos protocolos do centro educativo.

“Lousame Coeduca” está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración co CPI Plurilingüe Cernadas de Castro, e está subvencionado polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero e pola Secretaría Xeral da Igualdade a través da convocatoria de axudas para a promoción da igualdade neste ano 2020.